A Deputación de Pontevedra dá un paso novidoso na súa estratexia de promoción turística xa que por primeira vez contará cun mostrador propio na feira World Travel Market (WTM) de Londres, unha das citas máis prestixiosas da industria turística mundial.
Así o anunciou este venres o presidente provincial, Luis López, quen destacou que "entre o 4 e o 6 de novembro divulgaremos a oferta turística das Rías Baixas nun mercado, o británico, que é o segundo país emisor de turistas estranxeiros a Galicia".
A presenza da Deputación nesta feira pretende reforzar a visibilidade da provincia no Reino Unido, establecer contactos profesionais con operadores turísticos, axencias de viaxes, compañías aéreas e medios especializados, e consolidar a imaxe de Rías Baixas como destino sostible, seguro e de calidade.
López subliñou tamén a colaboración con Turgalicia e Turespaña para continuar medrando no turismo internacional.
A promoción non se limitará a Londres xa que a Deputación lanzará, tamén por primeira vez, unha impactante campaña de publicidade exterior na Gran Vía de Madrid, protagonizada polo premiado audiovisual "Cando volves?".
A acción desenvolverase entre o 24 e o 30 de novembro nas pantallas dixitais desta emblemática rúa e en edificios tan coñecidos como o Capitol ou o teatro Gran Vía.
Trátase dunha zona de altísima visibilidade pola que cada semana pasan arredor de 950.000 persoas, ademais de 15.000 vehículos e 200 autobuses cada día.
Antes de Londres e Madrid, o destino Rías Baixas tamén fará escala en Zaragoza e Barcelona, onde se celebrarán dous workshops turísticos. O primeiro terá lugar o 29 de outubro no Mobility City Centro de Congresos de Zaragoza, e o segundo o 30 de outubro en Casa Rius de Barcelona. Nestes encontros, 25 empresas da provincia manterán reunións cun centenar de axentes emisores, xerando, segundo destacou López, "oportunidades de negocio reais e de impacto inmediato".
As xornadas incluirán ademais unha presentación conducida pola xornalista Rocío Padín, con actuación musical de Carolina Vázquez e unha degustación gastronómica a cargo de Salmoira: o catering do mar.
Con todas estas iniciativas a Deputación pretende que a provincia sexa un destino "desestacionalizado, internacionalizado, sostible e de calidade".
"Estamos a impulsar Rías Baixas como nunca antes se fixera", concluíu o presidente provincial.