Pontevedra vive unha Biciweek porque 'En bici mola'

Pontevedra
15 de abril 2013

A campaña comeza o 17 de abril cunha exposición de exemplares históricos e rematará coa Pedalada 2013 a partir das 11.00 horas do domingo 21, unha convocatoria anual da marcha ciclista familiar pola cidade na que esperan que "participen a maioría dos pontevedreses"

Pontevedra vivirá entre este mércores 17 e o domingo 21 de abril unha 'Biciweek', toda unha semana de actividades adicadas "á promoción do uso da bicicleta pola cidade".

O concelleiro de Accesibilidade Ciclista, Miguel Filgueira, presentou a campaña, que leva o lema 'En bici mola. Pontevedra, bicidade,' na que dende o Concello de Pontevedra aproveitarán para "enviar mensaxes de como usar a bici polo casco urbano". Ademais, adiantou que "faremos actividades ao longo do ano coa mesma finalidade" e para facer chegar aos usuarios da bicicleta que "a cidade está concibida para a convivencia, pero sempre respectando aos máis débiles, que son os peóns".

Acompañado de representantes de asociacións como Masa Crítica ou empresarios do mundo da bicicleta, o concelleiro explicou que a campaña comezará o mércores 17 cunha exposición de bicicletas antigas e curiosas na avenida de Santa María.

Rematará coa Pedalada 2013 a partir das 11.00 horas do domingo 21. Sobre esta convocatoria anual da marcha ciclista familiar pola cidade, indicou que esperan que "participen a maioría dos pontevedreses" e que "está dedicado a toda a familia".

A partir das 17.00 horas, tras a Pedalada, haberá na avenida de Monteiro Ríos unha reunión de usuarios das Bici Fixer, bicicletas urbanas de piñón fixo, e unha exhibicion de bicicletas e habilidades.

O sábado e o domingo celebrarase na praza da Ferrería unha Bicimostra, que incluirá unha exposición de bicicletas e complementos, mercado de segunda man, xincana infantil e talleres de mantemento de bicicletas.

As actividades prolongaranse o mes de maio coa iniciativa 'Natureza sobre Rodas', que consitirá en "visitas guiadas por lugares do concello para toda a familia, non serán en plan deportista, senón turística". Serán por Salcedo, A Xunqueira de Alba e a Enseada de San Simón.