O Concello de Pontevedra acolleu este luns a presentación dunha nova edición do programa Ponteverán, o programa de ocio alternativo destinado a cativada e mocidade con máis de 600 prazas entre campamentos urbanos, obradoiros culturais e artísticos e actividades de natureza, deporte e aire libre.
Ponteverán vén cheo de propostas, con 87 xornadas de actividade para 63 días de verán, os que hai entre o 30 de xuño e o 31 de agosto.
Serán 18 propostas diferentes en 20 quendas, todas de balde.
Hai actividades para a rapazada dos 4 aos 25 anos, aínda que a maior parte están destinadas á cativada ou aos adolescentes máis novos.
Todas as actividades precisan de inscrición previa, a partir do 2 de xuño en na web apuntate.pontevedra.gal están os formularios de inscrición.
A información está en xuventude.pontevedra.gal ou na oficina de Xuventude polas mañás na Casa da Luz e no 986 840367 no mesmo horario, de 9.00 a 14.00 horas.
O ano pasado ocupáronse o 97% das prazas ofertadas e nun 62% delas houbo que facer sorteo por mor da alta demanda e das listaxes de agarda. Son sorteos que procuran, sobre todo cos campamentos, que cada neno e cada nena de Pontevedra que se apunte asista a un. Ninguén poderá asistir a dous, porque unha vez que lles toca un, quedan excluído das outras listas.
O Concello prioriza os nenos empadroados en Pontevedra fronte aos doutros concellos, que só poderán asistir no caso de prazas vacantes.
Haberá actividades de diferentes tipos: 6 campamentos desde 'O regreso á Prehistoria' en Salcedo ao 'Ecoexplorando' de Monte Porreiro e outros centrados na cociña, na botánica, no teatro. Haberá actividades ao aire libre, informática na Casa Azul, actividades no Local de Música, na rúa, do Ano Castelao como a busca de pistas en Salcedo 'Tras os pasos de Castelao' ou o 'Teatreiros, edición Castelao'.
Tamén está programada no Pazo da Cultura unha actividade para facer un mural nos almacéns onde se leva a cabo RockLab.