Pontón celebra a aposta de Bueu por unha "mobilidade amable" a pesar da "inacción" da Xunta

Bueu
05 de abril 2023

Durante unha visita ao municipio, na que estivo acompañada do alcalde de Bueu, o tamén nacionalista Félix Juncal, Pontón destacou que o Concello "pon ás persoas no centro", desde a perspectiva de "facilitar unha mobilidade segura" a todos os seus residentes

Visita de Ana Pontón a Bueu
Visita de Ana Pontón a Bueu / BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quixo poñer en valor este mércores a aposta do goberno municipal de Bueu por avanzar cara a unha "mobilidade amable" na vila, lidando coa "inacción" da Xunta de Galicia "que non exerce as responsabilidades que lle competen".

Durante unha visita ao municipio, na que estivo acompañada do alcalde de Bueu, o tamén nacionalista Félix Juncal, Pontón destacou que o Concello "pon ás persoas no centro", desde a perspectiva de "facilitar unha mobilidade segura" a todos os seus residentes.

"A cidadanía ten dereito a circular por un espazo urbano de calidade, onde os nenos e as meniñas poidan andar con seguridade e onde os galegos e as galegas gañen calidade de vida”, indicou a líder do BNG, que lembrou que o espazo público "é un dereito da cidadanía".

Todo iso, engadiu, partindo de que "non queremos cidades e vilas pensadas para os coches, querémolas pensadas para as persoas".

Ante a falta de investimentos da Xunta no municipio, Ana Pontón avanzou que o BNG esixirá á Xunta que "cumpra con Bueu" e preguntarán no Parlamento "por que o PP non está cumprindo co que lle compete nesta materia".

O goberno galego, segundo Pontón, "non inviste no acondicionamento da zona", a diferenza do que fai en clave local o propio Concello de Bueu ou en clave provincial a Deputación de Pontevedra, entre outras iniciativas, con actuacións incluídas no Plan Ágora.