Os populares temen un novo atraso nas obras do campo de fútbol de Salcedo

Pontevedra
26 de abril 2025

"Todo apunta a que o campo non estará operativo para o comezo da pretempada", explicou o edil Guille Juncal, o que sería un "novo prexuízo" para o tecido deportivo de todo Pontevedra

Visita dos concelleiros do PP ás obras do campo de fútbol de Salcedo
Visita dos concelleiros do PP ás obras do campo de fútbol de Salcedo / Partido Popular de Pontevedra

Aínda que quedan seis meses para o prazo fixado para o remate das obras do campo de fútbol de Salcedo, que teñen que estar listas antes do 31 de outubro, os populares temen que se produza un novo atraso.

Así o alertou o edil Guille Juncal que, acompañou ao portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, nunha visita a estas instalacións de deportivas para reunirse con representantes veciñais e da SCD Salcedo para facer un seguimento destes traballos.

"Todo apunta a que o campo non estará operativo para o comezo da pretempada", explicou Juncal, o que sería un "novo prexuízo" para o tecido deportivo de todo Pontevedra.

O PP centra o seu temor en dúas preocupacións concretas, unha delas o mal estado do acceso por estrada ás instalacións, que se atopa en condicións "moi precarias".

Isto dificulta, denuncian desde a oposición municial, a entrada de coches e autobuses e afecta ao club de ciclismo da zona.

A iso, Juncal sumou o "absurdo" de non habilitar un acceso directo dende o aparcadoiro lindeiro ao campo de fútbol, o que obrigará a xogadores e afeccionados "a dar un rodeo innecesario de 600 metros", segundo o concelleiro popular.

Para o responsable da área de deportes no PP, o goberno municipal "sempre actúa a base de remendos, improvisando segundo aparecen os problemas, o que adoita xerar problemas engadidos por non escoitar aos cidadáns".

Os populares da cidade apostan por crear unha concellería de Deportes "dilixente" a partir do 2027, cunha "folla de ruta clara" en materia de creación e mantemento das instalacións deportivas.