Portas recibe unha delegación francesa que quere coñecer o éxito en Matemáticas do colexio Domingo Fontán

O Salnés
26 de febreiro 2026

A atención internacional chega tras os excelentes resultados obtidos na Avaliación de Diagnóstico 2025 que sitúan a este colexio por riba doutros de características similares en toda España

CPI Domingo Fontán de Portas Concello de Portas

O CPI Domingo Fontán de Portas acolle este xoves a visita de oito inspectores especialistas en Matemáticas procedentes da Bretaña francesa.

Estes profesionais do ensino achegaranse ao centro para coñecer de primeira man a súa metodoloxía, a organización do alumnado e o perfil do profesorado que está detrás dos seus resultados excepcionais.

A atención internacional chega tras os excelentes resultados obtidos na Avaliación de Diagnóstico 2025, que abranguía 24 alumnos de 4º de Primaria e 30 de 2º de ESO durante o curso 2024/25. Estes resultados sitúan ao CPI Domingo Fontán por riba doutros colexios de características similares en toda España, especialmente no ámbito das Matemáticas.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, subliñou a importancia deste recoñecemento que sitúa ao centro "como referente educativo máis alá das nosas fronteiras".

Desde o Concello felicítase expresamente ao equipo directivo, ao profesorado e ao conxunto da comunidade educativa polos logros acadados e polo compromiso diario coa calidade educativa.

Engadiu que iniciativas como esta axudan a proxectar a imaxe de Portas como un municipio comprometido coa excelencia, a innovación pedagóxica e a cooperación internacional.

Durante a visita, os inspectores franceses coñecerán a situación xeográfica do centro, a súa contorna socioeconómica, as características do alumnado e as prácticas docentes en Matemáticas, incluíndo organización de grupos, ratios, metodoloxías e materiais empregados.

Tamén participarán nun encontro co equipo directivo e representantes do profesorado, sempre acompañados polo inspector de referencia do CPI.

Berta Gómez López, da Asesoría de Linguas Estranxeiras do Servizo de Innovación e Programas Educativos, agradeceu ao equipo do centro a súa colaboración e implicación na acollida desta delegación internacional, que promete ser unha xornada de intercambio e aprendizaxe enriquecedora para ambas partes.