A sociedade municipal Nauta Sanxenxo abriu unha lista de espera tras quedar o porto deportivo Juan Carlos I sen prazas de amarre para os meses de xullo e agosto.
Para este último mes, as reservas xa se pecharon no mes de febreiro.
Case todos os titulares son de España, algo que, segundo o Concello, "reflicte o atractivo da dársena entre os navegantes nacionais".
As oito prazas para motos de auga tamén están cubertas para ambos os meses.
A instalación ocupa 123.222 metros cadrados de superficie concesional, con 90.000 metros de lámina de auga e 450 amarres para esloras de 8 a 45 metros.
Ademais de alugueres estivais e anuais, conta con concesións e amarres de tránsito.
A infraestrutura complétase cunha bocana de 50 metros e un calado entre 5 e 8 metros.
Entre os seus servizos figuran travel-lift, wifi en pantaláns, recollida selectiva de residuos, vixilancia 24 horas e acceso restrinxido.
Ademais, dispón de 3.000 metros cadrados de espazo comercial e 380 prazas de aparcadoiro.