Portos e polígonos centrarán a atención policial para garantir a actividade dos transportistas durante a folga

Pontevedra
10 de novembro 2022

As Forzas e Corpos de Seguridade porán en marcha a partir da madrugada do luns un dispositivo preventivo. Maica Larriba deu instrucións para que se tomen as medidas operativas oportunas que "propicien a libre circulación dos transportistas que non secunden o paro, ante a posible presenza de piquetes"

Xunta Provincial de Seguridade
Xunta Provincial de Seguridade / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

As Forzas e Corpos de Seguridade porán en marcha a partir da madrugada do luns un dispositivo preventivo co que se garantirá a operatividade das comunicacións con motivo da convocatoria dun paro patronal no sector do transporte. 

En Galicia prevese un seguimento moi reducido desta folga, que  tan só está secundada por parte dunha plataforma minoritaria do transporte, pero, a modo preventivo, púxose en marcha este dispositivo. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, coordinou este xoves cos principais mandos policiais da provincia o dispositivo e deu instrucións para que se tomen as medidas operativas oportunas "que propicien a libre circulación dos transportistas que non secunden o paro, ante a posible presenza de piquetes". 

Os dispositivos especiais terán lugar nos principais centros loxísticos da provincia, como son os portos de Vigo, Marín e Vilagarcía, así como os polígonos industriais con maior actividade relacionada co transporte de mercadorías.

Axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado despregaranse nestes puntos a partir da madrugada do luns e vixiarán para que se cumpra o dereito ao traballo dos transportistas e para que se manteña o subministro a puntos de venda, supermercados e superficies comerciais

A coordinación dos dispositivos tivo lugar no marco da Xunta Provincial de Seguridade presidida pola subdelegada do Goberno, na que estiveron o comandante da Garda Civil Óscar Graña; o comisario provincial da Policía Nacional de Pontevedra, Juan José Díaz; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Ramiro García; e o comandante da Garda Civil de Tráfico na provincia, Antonio Pérez Piteira.