Portos de Galicia autoriza o uso do porto de Bueu para a reurbanización da contorna de Montero Ríos

Bueu
14 de abril 2025
Actualizado: 17:07

A actuación proxéctase na zona arredor da praza de abastos da localidade, emprazada en terreo portuario

Contorna da praza de Abastos de Bueu
Contorna da praza de Abastos de Bueu / Concello de Bueu

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, resolveu autorizar ao Concello de Bueu a utilización das instalacións portuarias da localidade para realizar as obras de reurbanización da contorna da rúa Montero Ríos.

A actuación proxectada abrangue a zona da praza de abastos, que se empraza en terreo de dominio público portuario.

A actuación prevista contempla a modificación de beirarrúas e cambios de pavimento para acadar unha plataforma única.

Trátase, polo tanto dunha autorización de utilización dos terreos portuarios para desenvolver actividades doutra natureza coa que Portos de Galicia, en favor da colaboración institucional, contribúe á mellora de infraestruturas municipais que redundan no beneficio da veciñanza, non só dos usuarios do porto.

En virtude do documento emitido, o Concello de Bueu farase responsable da correcta execución da actuación autorizada e do seu mantemento posteriormente.

Portos de Galicia será titular da infraestrutura renovada, que deberá permanecer por un prazo de alomenos 5 anos.

O Concello de Bueu pretende reordenar o tramo da Avenida Montero Ríos que discorre pola fronte da praza de abastos.

Unha intervención que implicará a renovación de servizos e a construción dunha plataforma única.