Abren a posibilidade de que o alumnado do Oroza poida montar negocios no Mercado no verán

Pontevedra
16 de outubro 2024
Actualizado: 17:00

A Praza de Abastos volverá ser un laboratorio para o alumnado do Oroza no que facer unhas prácticas que mesturan gastronomía con empresa

Presentación dunha nova etapa do CIFP Carlos Oroza no Gastroespazo do Mercado Mónica Patxot

O alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza volve ao Gastroespazo do Mercado de Pontevedra.

Será a partir de este xoves, aínda que a primeira xornada é algo especial xa que o número de comensais invitados xa se pechou e o protagonista será o alumnado da Escola de hostalaría de Leioa, un centro co que o Oroza está a levar a cabo un intercambio.

Ofrecerán no primeiro andar da Praza de Abastos un menú especial con produto galego pero recetas vascas.

Nas seguintes convocatorias o Mercado será un laboratorio para o alumnado do Oroza no que facer unhas prácticas que mesturan gastronomía con empresa.

O profesor Ricardo Fernández destacou a boa experiencia que supuxo a pasada edición da que saíron "encantados" ante o reto de saír das aulas e tomar decisións, elaborar menús, deseñar pratos, idear un modelo de negocio real e testar a satisfacción do cliente.

Como novidade, nesta ocasión estase a valorar a posibilidade que o alumnado do Oroza que o desexe poida emprender no Mercado durante o verán, unha vez rematado o curso.

A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, sinalou esta iniciativa como un exemplo de "boa práctica" e agradeceu á Consellería de Educación a súa colaboración neste proxecto e ao CIFP Carlos Oroza polo seu compromiso demostrado ao longo dos anos na súa relación co Concello de Pontevedra.