A vella ponte sobre o Verdugo e as marxes do río están a ser nestes días escenario dun amplo dispositivo de limpeza para manter todo este ámbito nas mellores condicións para a próxima celebración da Festa da Troita.
Operarios do Concello de Ponte Caldelas, por unha banda, liberaron este viaduto da ameaza das hedras e das plantas trepadoras que podían afectar á súa conservación. Para realizar estes traballos tiveron que suspenderse por cordas desde a plataforma da ponte coa fin de poder achegarse ata os recunchos máis difíciles.
Ao mesmo tempo, outro equipo de operarios procederon á roza e limpeza das marxes do río Verdugo para telo en condicións óptimas para o paseo e a disputa da proba internacional de pesca deportiva que terá lugar a fin de semana do 28 e 29 de maio con motivo do 50 aniversario da Festa da Troita de Ponte Caldelas.
Tamén se procedeu ao corte da herba no parque infantil e biosaudable situado nas inmediacións da área deportiva de Chan da Barcia así como das súas zonas verdes.
Con esta iniciativa de limpeza en profundidade do entorno do río Verdugo, Ponte Caldelas prepárase para recibir a visita de milleiros de persoas que se achegarán nos vindeiros días con motivo da Festa da Troita.