Troitas para todos en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
24 de maio 2016

A Festa da Troita chega a Ponte Caldelas esta fin de semana pero xa foron moitos os veciños que probaron este suculento peixe por adiantado. Máis de 1.000 racións de troita servíronse nas últimas semanas nas Casas do Pobo de todo o municipio

Degustación itinerante de troitas en Ponte Caldelas
Degustación itinerante de troitas en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A Festa da Troita chega a Ponte Caldelas esta fin de semana pero xa foron moitos os veciños que probaron este suculento peixe por adiantado. Máis de 1.000 racións de troita servíronse nas últimas semanas nas Casas do Pobo de todo o municipio.

"Quixemos levar a Festa da Troita a todos os recunchos do municipio e creo que acertamos coa idea", subliñou Andrés Díaz, quen engadiu que as propias degustacións permitiron estreitar contactos coa veciñanza "que sempre ten cousas que dicir, e o noso deber é escoitala".

O calendario mesmo foi ampliado con dous citas máis, a petición veciñal. Entre elas a de mañá, mércores, en Rego do Bargo, coa que se remata esta xira de 26 degustacións que comezou o 30 de abril en Xustáns e nas que, por só tres euros, os veciños puideron degustar troita fritida ou en escabeche, viño e pan.

O goberno local de Ponte Caldelas está convencido de que esta actividade, pensada para descentralizar a festa e levala por todas as parroquias xa é inamovible e formará parte do programa durante  moitos anos.

"Creo que había unha parte da poboación que sentía que a Festa da Troita era cousa da vila, e agora xa se deron conta de que é cousa de todos e todas", reflexionou o alcalde.

Andrés Díaz tamén quixo agradecer expresamente a colaboración de José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Enrique Lafuente, Sandra Gil e José Manuel Corbacho, o grupo de cociñeiros que participou no evento de xeito desinteresado, e que fixo posible unha actividade que dá un pulo especial á 50 edición da Festa da Troita.