"Potenciar o transporte público", primeira promesa electoral do PP de Poio

Poio
13 de decembro 2022

Queren potenciar o servizo de taxi e crear unha liña urbana de autobús para facilitar os desprazamentos internos dos veciños

Ángel Moldes, candidato do PP á Alcaldía do Concello de Poio
Ángel Moldes, candidato do PP á Alcaldía do Concello de Poio / PP de Poio

O candidato do Partido Popular á Alcaldía do Concello de Poio, Ángel Moldes, presentou este martes a súa proposta para potenciar o servizo de taxi no municipio e crear unha liña urbana de autobús para facilitar os desprazamentos internos dos veciños.

Este é o primeiro compromiso electoral que Moldes fai público tras lanzar o seu lema "Vamos Poio" ás eleccións municipais de maio. O candidato popular cre que "existen moitas zonas do concello que están incomunicadas e precisan ter un servizo que garanta o desprazamento". "Necesitamos ter comunicadas as distintas parroquias e facilitar a mobilidade dos veciños", engadiu.

Ángel Moldes considera que Poio necesita "unha liña estable e periódica na PO-308, hai que cubrir as zonas interiores do concello cunha liña urbana que permita vertebrar e comunicar as distintas parroquias e é preciso potenciar o servicio do taxi no concello". 

A intención do PP é facer un primeiro mes de funcionamento, unha serie de probas e consultas para estudiar a demanda real, con horarios e percorridos que teñan usuarios e ofrezan un bo servicio e, unha vez analizados, estabilizar as liñas, as frecuencias e os horarios.