O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados interveu na tarde deste mércores 10 de xuño para extinguir un incendio que destruíu un coche e varios colectores de lixo na Avenida dos Olmos.
As lapas alcanzaron unha altura considerable e afectaron de forma directa a fachada do edificio contiguo.
As tarefas de extinción correron a cargo dos efectivos do Servizo de Emerxencias local.

Para facilitar o traballo coas mangueiras e garantir a seguridade na zona, a Policía Local de Cambados procedeu a cortar o tráfico rodado neste punto do centro urbano durante os labores de extinción.

Tras sufocar o lume, os Bombeiros do Salnés accederon ao inmoble afectado para realizar medicións de gases tanto no portal como nos diferentes pisos, descartando riscos adicionais para os residentes. Non se rexistraron danos persoais.

Pola súa banda, a Garda Civil de Cambados asumiu a investigación para determinar as causas que orixinaron o lume.