O PP esixe o arranxo integral e urxente da N-640 ao seu paso por Cuntis: "É un auténtico perigo"

06 de decembro 2025

Isabel Couselo critica ao Ministerio de Transportes, a Subdelegación do Goberno e o alcalde, aos que recrimina que fan uso de "excusas cosméticas" mentres medra o risco de sinistralidade

Accidente na N 640 ao seu paso por Cuntis
Accidente na N 640 ao seu paso por Cuntis

O PP de Cuntis esixe o arranxo "integral e urxente" da estrada nacional N-640 ao seu paso polo concello para darlle resposta ao seu "deterioro e mal estado".

Alertan do "conseguinte prexuízo" para a seguridade viaria de milleiros de condutores e usuarios que usan a estrada a diario. 

O grupo municipal do PP critica duramente ao Ministerio de Transportes, a Subdelegación do Goberno e o alcalde, Manuel Campos, aos que recrimina que fan uso de "excusas cosméticas" mentres se suceden os accidentes e medra o risco de sinistralidade.

A voceira municipal, Isabel Couselo, considera "indignante e inadmisible" o último encontro entre o subdelegado, Abel Losada, e o alcalde para abordar este asunto.

Así, critica que se limitaron a anunciar que a actuación se licitará nos próximos meses "sen un compromiso real e firme que atenda unha necesidade urxente e resolva un grave problema de sinistralidade".

Couselo é moi dura co alcalde, ao que critica que leva 30 meses de mandato sen avances para mellorar a N-640. "Nin eu nin ningún veciño de Cuntis entende nin comparte este pasotismo", sinala.

Esta estrada nacional, ao seu paso por Cuntis, "é un auténtico perigo", alerta a concelleira do PP, que denuncia que hai accidentes de tráfico "practicamente a diario" e "tristemente nalgúns casos, co resultado de falecementos, como sucedeu hai dez días".

Isabel Couselo anunciou que o PP presentará novas iniciativas políticas para demandar a mellora atendendo ao "clamor social" que hai en Cuntis malia que advertiu de que as institucións dirixidas polo PSOE "non teñen ningunha intención de investir nin no noso concello nin en Galicia, como se pode comprobar botando números".