O PP insiste en pedir as bandeiras oficiais na Casa Consistorial e denuncia "abandono de funcións" de Abel Losada

Pontevedra
31 de xaneiro 2026

A concelleira Pepa Pardo reprocha ao subdelegado que se limite a facer "chamadas telefónicas" despois de 14 meses de incumprimento legal e esixen un requirimento formal ao Concello

Balcón da Casa Consistorial, sen bandeiras
Balcón da Casa Consistorial, sen bandeiras /

O presidente e a secretaria xeral do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez e Pepa Pardo, insisten en demandar ao goberno local que instale as bandeiras de España, Galicia e Pontevedra no exterior da Casa Consistorial da Praza de España.

O PP xa realizou esta demanda fai máis dun ano e contactou co subdelegado do Goberno, Abel Losada, para pedirlle que actúe conforme á lei e requira formalmente ao Concello para que as bandeiras volvan ondear na balconada.

O PP deu a coñecer que recibiron unha resposta por parte do subdelegado e critica que "en lugar de exercer as súas competencias, opta por manter unhas boas relacións institucionais e limitarse a realizar unha chamada telefónica".

Segundo sinala Pepa Pardo, Losada chamou ao Concello "para que, nun tempo que el cualifica de prudencial, o alcalde teña a ben colocar as bandeiras oficiais".

Considera Pepa Pardo que a resposta do subdelegado "ignora de forma deliberada que Lores leva 14 meses incumprindo a Constitución e a Lei 39/1981, que regula o uso da bandeira de España e do resto de insignias oficiais".

Para Pardo, a resposta do subdelegado é "un claro exercicio de abandono de funcións" e "unha falta de respecto manifesta á Constitución e ao ordenamento xurídico vixente" ao negarse a requirir formalmente ao Concelllo a pesar da evidencia do incumprimento.

A concelleira do PP insistiu en que o abandono de funcións prodúcese tanto antes como despois da súa solicitude, "antes, porque a Subdelegación do Goberno está situada fronte ao Concelllo e debería actuar de oficio; e agora, porque nin sequera a instancias de parte cumpre coas súas obrigacións".

Pepa Pardo esixe ao subdelegado do Goberno que "abandone a pasividade, asuma as súas funcións e requira de inmediato ao alcalde para que repoña a legalidade vixente".

"A súa resposta non só é inaceptable, senón que constitúe unha auténtica vergoña institucional e unha grave falta de respecto á Constitución Española de 1978", sostén Pepa Parrdo.

O PP de Pontevedra solicitou a colocación das bandeiras por primeira vez, de maneira verbal, o mesmo mes no que se inaugurou a rehabilitación da Casa Consistorial, en novembro de 2024.

Reiterou a petición mediante escritos formais en 2025, "sen que o alcalde atenda ningún dos requirimentos nin mostrado a menor vontade de cumprir".