O PP pide que o pavillón de Monte Porreiro sexa multiusos e non exclusivo para o tenis de mesa

Pontevedra
05 de maio 2025

Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, critica a falta de investimento en infraestruturas deportivas e cualifica de "erro estratéxico" a construción dun pavillón exclusivo para tenis de mesa

Rafa Domínguez criticou o atraso na creación do pavillón da Parda
Rafa Domínguez criticou o atraso na creación do pavillón da Parda / PontevedraViva

Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, denunciou este luns a situación "crítica" que atravesan as infraestruturas deportivas de Pontevedra, debido á "absoluta falta de investimentos" por parte do goberno local que encabeza o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, segundo manifesto este luns en rolda de prensa.

Domínguez asegurou que "as instalacións actuais son insuficientes e presentan déficits moi severos".

Mencionou casos concretos como pavillóns que teñen inundacións, problemas en vestiarios ou campos de fútbol con deficiencias estruturais, e puxo de exemplo o campo de fútbol de Ponte Sampaio.

"O deporte base non foi nunca unha prioridade para o goberno de Lores", engadiu, lembrando os atrasos acumulados na posta en marcha das escolas deportivas municipais.

Unha das principais críticas do portavoz popular foi dirixida ao atraso na creación do pavillón da Parda. "Desde 2009 vén anunciando a súa construción e, con cada elección, o goberno rescátao coma se fose o Guadiana. Era unha prioridade absoluta e segue sen facerse realidade", lamentou.

Domínguez cargou especialmente contra o anuncio do novo pavillón que o Concello construirá en Monte Porreiro, previsto exclusivamente para a práctica do tenis de mesa.

"Non me opoño ao pavillón, pero debe ser multiusos. Non ten sentido destinar un investimento así para un só club, mentres hai decenas de equipos de baloncesto, voleibol, bádminton, balonmán... que non teñen onde adestrar", declarou.

A xuízo do representante popular, esta decisión é "un dos maiores erros estratéxicos" cometidos por Lores desde que el está en política. "Non entendo o interese que Lores ten por dar prioridade ao tenis de mesa", manifestou.

Sobre a posible vinculación do pavillón de Monte Porreiro co futuro Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) que a Xunta de Galicia construirá en Cernadiñas Novas, Domínguez expuxo: "Non existe ningún acordo para que ese pavillón forme parte do CGTD. A Xunta só coñece o proxecto por unha carta e unha conversación informal entre Lores e o presidente Rueda".

O dirixente popular si celebrou o investimento que a Xunta realizará nese complexo de Cernadiñas Novas, que será o terceiro centro de alto rendemento de ámbito nacional, destinado a deportistas de elite.