Desde o PP piden a restauración do Monumento aos Navegantes

Pontevedra
21 de abril 2026

O grupo municipal reclama ao goberno local o cumprimento da moción de 2019 ante a presenza de valos e danos na obra situada no parque das Palmeiras

Pepa Pardo e Silvia Junco no monumento aos Navegantes
Pepa Pardo e Silvia Junco no monumento aos Navegantes / PP de Pontevedra

Pepa Pardo e Silvia Junco, representantes do Partido Popular no Concello de Pontevedra, visitaron este martes 21 o Monumento aos Navegantes.

Durante o encontro no parque das Palmeiras, as edís sinalaron a situación actual da obra de Amancio Landín, que permanece rodeada por valos metálicos e presenta o dintel fracturado, ademais de restos de vexetación e grafitis sobre a súa superficie.

A formación lembra que a corporación municipal aprobou por unanimidade en xullo de 2019 unha proposta para a conservación e limpeza dos elementos patrimoniais da cidade.

Segundo os rexistros achegados polo grupo da oposición, as reclamacións sobre o estado desta peza iniciáronse no ano 2017, sen que ata a data se executaran os traballos de mantemento neste punto.

Pardo vinculou a permanencia das proteccións metálicas e a deterioración da estrutura coa xestión do goberno do BNG.

A representante popular instou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a cumprir co compromiso adquirido no pleno tras o respaldo unánime á moción presentada hai sete anos.

Ante esta situación, o Partido Popular presentou unha solicitude ao Concello para que se redacte un plan de obra que inclúa as partidas orzamentarias necesarias e un cronograma concreto para a rehabilitación da estrutura.

O obxectivo da demanda é a retirada dos peches provisionais e a reparación dos danos materiais neste símbolo do patrimonio histórico vinculado aos navegantes ilustres, que foi inaugurado o 12 de outubro de 1959.