O PP reclama a recuperación dos semáforos sonoros para mellorar a accesibilidade visual en Pontevedra

Pontevedra
02 de agosto 2025
Actualizado: 11:58

Silvia Junco insta ao BNG a activar de forma inmediata o Consello Sectorial de Accesibilidade, aprobado por unanimidade en pleno en novembro de 2024, para dar voz ás entidades sociais

Silvia Junco
Silvia Junco / PP Pontevedra

O PP de Pontevedra denuncia que o goberno local incumpre as súas obrigas en materia de accesibilidade visual e, como exemplo, alerta da retirada de semáforos sonoros e demanda a súa implantación.

A concelleira do PP Silvia Junco considera "urxente" a implantación de sistemas de aviso acústico nos semáforos, permitindo ás persoas con discapacidade visual cruzar as rúas con seguridade.

Segundo denuncia Silvia Junco, "actualmente, só temos constancia dun semáforo sonoro na rúa Uxío Novoneira", tras a retirada dos dispositivos doutras zonas da cidade.

A retirada "supuxo un grave retroceso na seguridade e comodidade de moitas persoas", advirte.

O Partido Popular de Pontevedra reitera a súa preocupación polas "dificultades que seguen enfrontando" as persoas con discapacidade visual para desprazarse con seguridade pola cidade, e esixe ao goberno local o cumprimento dos compromisos adquiridos en pleno no ano 2023, onde se aprobou por unanimidade unha moción presentada por este grupo para mellorar os desprazamentos das persoas que forman este colectivo.

A integración das persoas con discapacidade "debe ser unha prioridade do goberno local si queremos avanzar cara a unha inclusión real", sinala Junco, que denuncia que "Pontevedra segue sendo unha cidade pouco accesible para as persoas cegas ou con baixa visión".

Outra das súas propostas é a inclusión de encaminamientos e sinalización táctil nas futuras obras, con diferentes texturas no pavimento que faciliten a orientación e o desprazamento seguro das persoas cegas. Así mesmo, reclámase unha maior supervisión na instalación do mobiliario urbano, especialmente nas zonas peonís, para evitar que se converta en obstáculos.

Ademais, o PP insta ao BNG a activar de forma inmediata o Consello Sectorial de Accesibilidade, tamén aprobado por unanimidade en pleno en novembro de 2024, para dar voz aos colectivos, asociacións e entidades sociais.