O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra denunciou a "inacción" do goberno local para reabrir o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
Este espazo museístico leva pechado desde o 28 de febreiro ao detectarse un problema de exceso de radón, un gas nocivo para a saúde.
A concelleira do PP de Pontevedra Silvia Junco criticou a "falta de vontade política" do goberno local do BNG á hora de realizar os labores de mantemento relacionadas coa mellora do sistema de ventilación e climatización do único museo municipal da cidade, situado nun foso subterráneo rodeado de granito.
A edil popular lembrou que aínda que inicialmente se prevía que o peche duraría varias semanas, o CITA continúa pechado.
"Unha vez máis, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores incumpriu a súa palabra cun peche indefinido que é preocupante", afirma a edil.
O PP de Pontevedra demandou ao Concello "revalorizar" este espazo museístico que, desde a súa inauguración no ano 2010, "non alcanzou as expectativas iniciais".
"Desde a súa apertura fai case 15 anos, a xestión municipal foi errática: primeiro como centro de interpretación, despois como museo medieval…pero sempre sen un rumbo claro", engadiu.
Igualmente, Junco pediu explicacións ante o anuncio de que se está a estudar a posibilidade de realizar exclusivamente visitas guiadas con cita previa.
"O Bloque demostrou reiteradamente a súa incapacidade para sacar partido a un dos reclamos turísticos da nosa cidade, o que demostra unha improvisación prexudicial para sacar o maior partido posible ao CITA", afirma.
"É un sinsentido que estean a realizar unha campaña de difusión para un espazo que permanece pechado de forma indefinida. Por iso, pedimos ao goberno local que deixe de enganar aos pontevedreses, que actúe con responsabilidade e abra dunha vez por todas as portas do CITA. Pontevedra meréceo", sentenciou.