O Partido Popular de Galicia (PPdeG) reuniu este xoves en Pontevedra á súa Comisión de Infraestruturas, un órgano que, segundo os populares, actúa como "laboratorio de ideas" para abordar os principais retos en materia de mobilidade e comunicacións na comunidade.
A sesión estivo encabezada pola secretaria xeral do partido, Paula Prado, xunto ao presidente provincial do PP en Pontevedra, Luís López; o portavoz municipal na cidade, Rafa Domínguez; e o coordinador da comisión, Antonio Ameijide.
Durante o encontro, os dirixentes do PPdeG lanzaron duras críticas ao Goberno de Pedro Sánchez, ao que acusan de "illar sistematicamente a Galicia" a través de decisións que afectan o transporte aéreo, ferroviario e por estrada.
Antonio Ameijide foi especialmente contundente ao sinalar que "Pedro Sánchez está obsesionado en illar a Galicia por terra, por mar e por aire".
Segundo manifestou, a consecuencia das decisións do Executivo central "estamos a perder conexións e voos importantísimos", as estradas estatais están "abandonadas" e os proxectos de novas infraestruturas son "compromisos incumpridos", lamentou.
No ámbito ferroviario, o coordinador do órgano denunciou a "exclusión total" da provincia de Lugo do trazado de alta velocidade, asegurando que é "a única de Galicia e da contorna que quedará fóra deste sistema de transporte".
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luís López, preguntouse "que lle fixo a provincia de Pontevedra ao Goberno de Sánchez" para sufrir, segundo as súas palabras, un "desprezo sistemático".
López citou como exemplo a exclusión de Vigo como porto nodal na rede de transporte europea, a subida de taxas no aeroporto de Peinador -que provocou a saída de compañías aéreas- e o "lamentable" estado das estradas nacionais.
Tamén reclamou avances na gratuidade da AP-9, unha demanda dos populares galegos que despois de oito anos gobernando Pedro Sánchez "seguimos esperando a que por fin teña un xesto que sabemos ao mesmo tempo que non vai ter".
Por último, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, retomou a cuestión da AP-9 para denunciar o bloqueo do debate sobre a súa transferencia á comunidade autónoma. Sinalou que xa son 56 as ocasións nas que se prorrogou no Congreso o debate do seu traspaso. Unha decisión que atribúe ao "desprezo absoluto de Pedro Sánchez a Galicia", sentenciou.
Prado acusou o Goberno de España de manter unha actitude de "boicot e bloqueo" na transferencia da autoestrada a Galicia e lamentou o apoio do PSdeG e do BNG a unha política que considera "lesiva" para os intereses galegos. Segundo dixo, "xa é unha necesidade o divorcio con Pedro Sánchez e, se me permiten, coller a custodia da AP-9", concluíu.
Os responsables populares anunciaron que manterán a reivindicación do traspaso da autoestrada en todas as institucións, ao considerar que a xestión galega é "unha cuestión de xustiza, eficacia e dignidade" para os galegos.
O encontro en Pontevedra pechouse coa vontade de seguir impulsando propostas e reclamacións desde esta comisión para reverter, aseguran, "a situación de abandono" que sofre Galicia en materia de infraestruturas.