Pragueira ábrese este xoves ao baño mentres Bascuas aínda terá que agardar

Sanxenxo
26 de agosto 2021

Ámbalas praias de Sanxenxo estiveron afectadas pola vertedura que se rexistraba o luns procedente dunha tubaxe avariada. As analíticas realizadas durante as últimas horas ofrecen un dos parámetros alterados nas augas de Bascuas polo que se agardará 24 horas para abrila, de novo, ao baño

Vertedura na praia de Pragueira, en Sanxenxo
Vertedura na praia de Pragueira, en Sanxenxo / PontevedraViva

A praia de Pragueira, no municipio de Sanxenxo, baixará a bandeira vermella este xoves 26 e volverá abrirse ao baño, unha vez que as analíticas realizadas pola Consellería de  Sanidade confirmaron o bo estado das augas.

Bascuas, en cambio, aínda terá que esperar 24 horas máis para que os seus usuarios poidan darse un mergullo. Segundo informan desde o goberno local do Concello de Sanxenxo, nos resultados das últimas analíticas realizadas comprobouse que un dos parámetros aparecía alterado. Por este motivo, o baño estará prohibido en Bascuas durante este xoves.

O luns 23, o Concello alertaba da presenza dunha vertedura e decidíase, como medida preventiva, evitar o baño nas augas destes dous concorridos areais. A vertedura procedía dunha tubaxe de saneamento que realiza a impulsión do bombeo de Aios.

A concesionaria do servizo reparou ao longo desa xornada o dano, con todo, o goberno local decidiu esperar ata obter o resultado das análises das augas para tomar unha decisión que garanta a saúde dos bañistas que, durante estas xornadas, acudiron masivamente ás dúas praias ante a calor rexistrada nas Rías Baixas.