Premian o novo servizo de urxencias de Montecelo

Pontevedra
28 de setembro 2016

A Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés vén de ser recoñecida co segundo premio na V edición dos galardóns B.Salut-Chiesi en xestión sanitaria, pola reforma do servizo de Urxencias de Montecelo

Estrea do novo servizo de Urxencias en Montecelo / Xunta de Galicia

A Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés vén de ser recoñecida co segundo premio na V edición dos galardóns B.Salut-Chiesi en xestión sanitaria, pola reforma do servizo de Urxencias de Montecelo.

Responsables da Xerencia desprazáronse este martes ata Barcelona para recoller o recoñecemento outorgado pola plataforma B.Salut, que pretende dar a coñecer ao conxunto do sistema sanitario nacional as experiencias de excelencia no eido de xestión sanitaria.

Montecelo é o primeiro hospital de Galicia en dispor dun espazo innovador orientado ao usuario, o seu confort e a súa accesibilidade á información.

O obxectivo do proxecto de innovación social do Sergas, financiado con fondos FEDER e que vén de ser recoñecido, era conseguir un espazo vertebrador para mellorar a atención aos pacientes e tamén facilitar o traballo dos profesionais do servizo.