Premian traballos sobre os estereotipos de xénero na publicidade, as mulleres do mar ou o movemento 'Me Too'

Pontevedra
15 de xaneiro 2021

Catro traballos de grao e fin de mestrado veñen de ser recoñecidos na quinta edición dos Premios Premios Sofía Novoa Ortiz, cos que a Deputación de Pontevedra busca recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos estudos da Universidade de Vigo

Alumnas premiadas na quinta edición dos Premios Sofía Novoa Ortiz
Alumnas premiadas na quinta edición dos Premios Sofía Novoa Ortiz / Universidade de Vigo

Catro traballos de grao e fin de mestrado veñen de ser recoñecidos na quinta edición dos Premios Premios Sofía Novoa Ortiz, cos que a Deputación de Pontevedra busca recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos estudos da Universidade de Vigo.

Os premios aos mellores traballos fin de grao foron para dúas alumnas do campus de Pontevedra, María Tenorio, graduada en Comunicación Audiovisual; e Judith Cerviño, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Esta última abordou o deseño de propostas educativas que permitan abordar con nenos e nenas os estereotipos de xénero que transmite a publicidade e que, nas primeiras idades, son vistos como modelos de comportamento normais e correctos.

Estas propostas leváronse á práctica nunha aula de educación infantil do CPR Virxe Milagrosa de Bueu, o que permitiulle constatar que o alumnado xa ten asumido estereotipos sexistas a idades temperás, pero co apoio necesario son capaces de identificalos e avanzar na igualdade.

María Tenorio, pola súa banda, analizou a repercusión do movemento #MeToo nos principais xornais de España e Brasil. A principal conclusión foi que esta etiqueta converteuse nun altofalante mediático e deu forza á revolución feminista, o que se viu reflectido na tendencia alcista no número de noticias centradas nas reivindicacións feministas detectadas nos xornais.

Na modalidade de traballos de fin de mestrado, o premio foi para Andrea López, alumna do mestrado en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, situada no campus de Vigo.

No seu caso analizou os diferentes factores e variables que poden influír no desenvolvemento do alumnado da ESO, así como a atención á diversidade e igualdade de xénero no ámbito educativo, a través de entrevistas ao persoal de orientación de centros públicos do Morrazo.

Así mesmo, o traballo de fin de grao da graduada en Educación Primaria Patricia Torres foi recoñecido cun accésit por parte do xurado destes premios.

Centrada nas mulleres do mar e máis concretamente nas da industria conserveira, Torres fixo unha "intervención didáctica" no CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, na que o alumnado recolleu nas súas familias os testemuños de antigas traballadoras do sector, para que entenderan a importancia que tivo e ten a muller nesta industria.

Tras o seu fallo, está previsto que estes quintos Premios Sofía Novoa Ortiz celebren o seu acto de entrega neste mes de xaneiro se as restricións da covid-19 así o permiten.