O campus prepara un cóctel de eventos para revolucionar a axenda científica, cultural e artística da cidade nos próximos anos

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

Vicerreitorado do campus e Consello Social da Universidade de Vigo colaboran no deseño de iniciativas dirixidas a fomentar a inserción laboral dos titulados, a organización de eventos culturais na cidade e afianzar ás facultades de Pontevedra como polos de creación científica

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa, presentan as liñas mestras dos eventos que organizará o campus nos próximos anos
O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa, presentan as liñas mestras dos eventos que organizará o campus nos próximos anos / Mónica Patxot

O vicerreitorado do Campus de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo deron a coñecer este xoves as liñas mestras dun proxecto de colaboración centrado nos ámbitos artísticos, culturais, científicos e ecolóxicos. 

"A pandemia non nos vai parar á hora de facer campus e cidade", asegurou o vicerreitor, Jorge Soto, quen mostrou o seu férreo compromiso no cumprimento das restricións sen descartar facer uso de ferramentas virtuais cando a presencialidad non sexa posible.

Nas próximas semanas, o vicerreitorado fará pública a creación dun galardón que premiará os proxectos máis creativos e innovadores do alumnado. Ademais, darase visibilidade aos mellores traballos de fin de grao coa publicación dos mesmos na revista internacional CREA impulsada desde o campus. No plano científico, tamén está previsto deseñar un catálogo que recolla todas as investigacións que se realizan neste campus para facerllo chegar ás empresas.

No ámbito cultural, abril será un mes cargado de eventos relacionados coa ecoloxía, a sustentabilidade, os hábitos saudables ou a axenda 2030. Ademais, están previstos tamén eventos para fomentar o emprendemento e actos relacionados co lecer, como concursos de fotografía ou sesións de realidade virtual.

Con todo, un dos acontecementos máis transcendentes terá que ver coa facultade de Belas Artes. Sen querer desvelar nada, Soto anunciou que a sala de exposicións deste edificio pasará pronto a ter un novo estilo. "Será importante para a cidade e vai haber sorpresas", informou de maneira enigmática. Así mesmo, planean tamén organizar concertos musicais variados. "Írá do máis vangardista ata o máis clásico", dixo.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, sinalou que esta paquete de iniciativas marcará "un punto de inflexión no campus de Pontevedra por todos estes proxectos". Puntualizou ademais que a axenda non está pechada e que nos próximos anos irán emerxendo novas iniciativas que contribuirán a dar apoio ao alumnado, a conectar coa cidade e a estreitar a relación entre o ámbito universitario e empresarial.