Premio ao talento emprendedor do alumnado do IES Chan do Monte e dos CIFP Fontecarmoa e Montecelo

Pontevedra
03 de outubro 2025

Nesta edición premiouse a 18 estudantes de seis centros de FP, que presentaron propostas orixinais co obxectivo de converter boas ideas en futuros negocios reais

Entrega del premio al CIFP Montecelo
Entrega del premio al CIFP Montecelo / Xunta de Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou este venres no acto de entrega dos premios Eduemprende Idea, un certame que recoñece as ideas máis innovadoras do alumnado de Formación Profesional.

En total, foron premiados 18 estudantes de seis centros de FP, que presentaron propostas orixinais co obxectivo de converter boas ideas en futuros negocios reais.

O certame Eduemprende Idea ten como finalidade estimular a creatividade empresarial do alumnado de FP. Os participantes debían presentar ideas de negocio orixinais, viables e con potencial de converterse en empresas reais.

Nesta edición, na modalidade de ciclos de grao superior e cursos de especialización foi recoñecido o proxecto do centro integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

Na modalidade dos ciclos de grao básico e medio, resultou gañador o instituto Chan do Monte (Marín) e o Centro Integrado de FP Montecelo (Pontevedra).

O seis proxectos premiados, reciben un total de 12.000 euros a razón de 3.000 euros para o primeiro premio, 2.000 euros para o segundo e 1.000 euros para o terceiro.

Así mesmo, os gañadores poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemiento e apoio ao emprego.

PROXECTOS GAÑADORES

Areas do Atlántico – CIFP Fontecarmoa. O proxecto consistiu na elaboración de area a base de cuncha de mexillón para a construción como substituto de formigóns, tanto para uso doméstico como industrial, creando construcións sostibles a base dun produto que actualmente é un refugallo.

Armony-Outpick – IES Chan do Monte. O alumnado deu forma a un proxecto de desenvolvemento dunha aplicación web de armario virtual onde as persoas usuarias poden cargar e combinar as súas pezas, ademais de recibir suxestións doutras marcas para mellorar o seu estilo.

Arrumaco – CIFP Montecelo. O proxecto consistiu na creación dun servizo de lectura e préstamo de libros a persoas hospitalizadas de todas as idades.

Entrega do premio ao IES Chan do Monte
Entrega do premio ao IES Chan do Monte Xunta de Galicia

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou o valor deste tipo de iniciativas asegurando que "o mundo avanza grazas ás ideas. Fomentar o espírito emprendedor desde a infancia e a adolescencia é clave para construír unha sociedade mellor".

Tamén quixo pór en valor a calidade dos proxectos premiados e o esforzo conxunto de alumnado e profesorado.