Pontevedra xa ten no seu poder o seu primeiro premio iberoamericano ao modelo de cidade, que recolleron en Costa Rica os concelleiros César Mosquera e Eva Vilaverde.
O concelleiro de Urbanismo e a tenente de alcalde recolleron na cidade de San José o galardón, 'La ciudad es la gente' Memorial Eusebio Leal Splengler, entregado no marco do Congreso internacional de paisaxe urbana.
Durante o acto de entrega destacouse que o premio resalta as mellores prácticas urbanas no ámbito da paisaxe urbana e Pontevedra "posicionada no ámbito internacional como referente en accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria o que aliña cos obxectvos do ICOUL, que aposta por transformar as cidades como paradigma de desenvolvemento urbano sostible".
O premio entregouse a ritmo de muiñeira, pois previamente actuou o grupo Lar Galego, que tocou distintas pezas galegas, entre elas, a Muiñeira de Chantada.
A tenente de alcalde recoñeceu que "recoller este premio en Costa Rica coa muiñeira non ten prezo" e agradeceu a concesión do galardón tanto ao comité científico así como a organización "polo acollemento e o gran trato que nos teñen ofrecido nestes días".
No seu discurso, Vilaverde destacou que "é un orgullo representar a Pontevedra cada vez que imos polo mundo, pero é certo que este premio ten un sabor especial porque é a primeira vez que recibimos un premio desta natureza en Iberoamérica".
Tamén indicou que a transformación da paisaxe urbana de Pontevedra "é importante porque responde ao axioma de que a cidade é a xente. E aí está a clave. Nós non somos técnicos, somos representantes públicos. Somos cargos públicos electos que estamos aquí para mellorar a vida das persoas".
A concelleira ponteveresa tamén insistiu en que "o modelo urbano é consecuencia da vontade política dun grupo de persoas que quixeron cambiar as cousas, e iso é o que seguimos facendo".
Lembrou que en 1999, cando o BNG chegou ao goberno, "Pontevedra era unha cidade invivible, gris, triste e degradada. Era un almacén de coches" e que o equipo de goberno sabía "que a cidade podía ser outra cousa. Os pontevedreses e pontevedresas merecían e necesitaban outra cidade".
Co traballo para poñer en macha o novo modelo de cidade, "democratizamos o espazo público", sinalou Vilaverde, que presumiu de que se aplicou "un dos conceptos máis innovadores" que é entender o espazo público como un dereito.
A pesar do traballo xa realizado e dos premios, recordou que "quedan moitos retos por abordar e seguiremos facéndoos mentres os veciños o queiran. O importante son as persoas", e "esa mesma enerxía e ilusión é coa que recibimos este premio".