O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, recoñeceu o labor que os docentes e os equipos directivos realizan no día a día nas aulas a prol dun ensino máis inclusivo.
Román Rodríguez sinalou que este labor é unha cuestión "prioritaria" para o Goberno galego que se vai reforzar cunha nova estratexia neste eido que "se está ultimando" logo da posta en común e o diálogo co conxunto de actores da comunidade educativa.
Así o sinalou este xoves no acto de recoñecemento a 18 centros educativos polas súas boas prácticas no eido da inclusión e da convivencia escolar nos Premios de boas prácticas de inclusión educativa, ConVivimos e Tolerancia cero contra o acoso escolar.
Entre os premiados está o Centro Plurilingüe de educación primaria de Riomaior (Vilaboa), o Instituto de Secundaria de Poio e o Centro público Nelson Mandela de promoción de adultos ubicado dentro do Centro Penitenciario da Lama.
O obxectivo destes galardóns, impulsados pola Consellería de Educación, é fomentar a participación do alumnado en actividades que promovan o respecto polo dereitos humanos, a atención á diversidade, a convivencia e o bo clima nas aulas e o benestar emocional, e que estes proxectos sirvan de exemplo para o conxunto da comunidade educativa.
Segundo asegurou o conselleiro, a Estratexia de inclusión educativa de Galicia, que se presentará en breve, será a folla de ruta que se despregará a partir do vindeiro curso coa implementación de novas accións de inclusión e o reforzo das xa en marcha como estes galardóns que formarán parte dela.
Se ben é certo que o sistema educativo galego se sitúa como "o máis inclusivo e equitativo do Estado", o conselleiro avoga por seguir avanzando "con paso firme" neste eido e para iso demanda a implicación do conxunto da sociedade e, especialmente, do alumnado e do profesorado dos centros educativos, aos que felicitou polo compromiso demostrado día a día.