Preocupación ante un estudo que amosa como só o 30% do alumnado de 4ª da ESO fala preferentemente en galego

Pontevedra
27 de abril 2021

Responsables deste estudo presentado durante este martes na Deputación por académicos da RAG liderados polo presidente Víctor Freixanes demandan unha reflexión do poder político ao comprobar que o 35% do alumnado castelán-falante finaliza a ESO cunha escasa competencia en galego 

Henrique Monteagudo, María Ortega, Víctor Freixanes e María López
Henrique Monteagudo, María Ortega, Víctor Freixanes e María López / Mónica Patxot

Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega da Lingua (RAG), amosaba a súa preocupación diante dos resultados obtidos por un estudo realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega entre estudantes de 4º curso da ESO onde se avalía a competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán. 

O estudo presentábase na Deputación de Pontevedra este martes a través da deputada responsable da Lingua María Ortega, acompañada por Freixanes e por dous dos autores do estudo, María López e Henrique Monteagudo.

A xeración Z, tamén denominada dos centennials, amosa, segundo este traballo, un desequilibrio en detrimento do galego cando o alumnado remata a secundaria obrigatoria en canto a competencia na lingua galega en relación coa castelán.

Segundo indica María López Sández, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e coordinadora do traballo, o alumnado galegofalante amosa un dominio similar nos dous idiomas, mentres que o 35% dos castelanfalantes ofrecen unha escasa competencia en galego, un feito relacionado sobre todo co alumnado de centros privados e nas áreas urbanas.

O espazo familiar é o contexto de maior importancia para o desenvolvemento da oralidade mentres que a escola preséntase como o lugar para adquirir as competencias escritas e o coñecemento do código, segundo o estudo.

Henrique Monteagudo asegira que o cambio lexislativo coa implantación do sistema plurilingüístico en Galicia desde 2010 encargado de suprimir a discriminación positiva do galego nos centros de estudo provocou, segundo este resultados, que agora se acentúe máis o desequilibrio a favor do castelán cando xa comezaban a igualarse no estudo feito en 2009. Os centennials dos institutos públicos conclúen a ESO cunha competencia semellante en ambas linguas, fronte aos centros da rede privada, onde o dominio resulta bastante máis deficiente en galego que en castelán.

Os especialistas indicaban a necesidade de motivacións e condicións de uso para que, ademais, o galego poida desenvolverse noutros espazos con normalidade entre os menores. Neste sentido, Víctor Freixanes explicaba esa necesidade de que haxa propostas de lecer, publicitarias, económicas, deportivas e nos medios de comunicación que permitan desenvolver actividades na lingua galega. Ademais lembrou que o seu uso permite a comunicación con outras partes do mundo porque "non só é unha lingua local".

Freixanes indicou que a Academia traballa con datos e estudos de campos sobre os que sostén as súas afirmacións e diagnósticos, lembrando que os obxectivos estratéxicos da educación obrigatoria contemplan que se acade unha competencia plena nos dous idiomas oficiais de Galicia, o galego e o castelán. "A realidade evidencia unha situación que non podemos aceptar", explicou o presidente da RAG advertindo da importancia da mocidade para o futuro da lingua nunha sociedade marcada polos formatos dixitais.

Case o 44% dos preto de 600 estudantes de 26 centros de secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou que o castelán e o 18,1% sinalou o galego. En canto a usos maioritarios, case o 70% dos participantes responderon que falan única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso prioritario do galego o 30%.

O estudo amosou que un importante sector do alumnado cunha escasa competencia en galego, principalmente na comunicación oral e na comprensión léxica, afectando a castelanfalantes residentes en zonas urbanas ou periurbanas.

"Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego", sinalou Freixanes apuntando á importancia das escolas como base para o futuro do idioma e pedía unha reflexión dos poderes políticos.

A deputada María Ortega sinalou que a Deputación seguerá a promover este estudos para adoptar políticas arredor da lingua e seguirán a apoiar iniciativas das entidades que traballan a prol da defensa da lingua galega en ámbitos como a ciencia, a economía, o dereito ou o deporte, entre outras áreas.