O alcalde e o concelleiro de Educación do Concello de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey e Jacobo Pérez respectivamente, reuníronse coas direccións e Anpas dos dous colexios públicos do municipio, isto é o CPI Plurilingüe Alfonso VII e o CEIP San Clemente de Cesar para falar do inicio do curso escolar.
"Enorme preocupación e malestar" son as dúas circunstancias nas que a comunidade educativa afirma estar ante "o abandono por parte da Xunta na volta ás aulas". Desde o goberno local, o seu alcalde sinala que “a Consellería de Educación recibiu unha cantidade moi importante de fondos do Estado que non está a chegar aos centros. Os colexios vense desamparados e teñen moitas dificultades para cumprir os protocolos que marca a Xunta".
Uns protocolos que estiman que conlevará un gasto a maiores para os centros de entre 90.000 e 100.000 euros. Ademais da parte económica, todas as partes móstranse a súa incerteza ante o funcionamento dos comedores ou de plans de conciliación como o Plan Madruga. Engaden dificultades para realizar desinfeccións masivas, reforzos de limpeza ou falta de material.
No que respecta ao Concello, que ten competencias na limpeza e mantemento das escolas unitarias, os dous interlocutores do goberno local trasladáronlles que "nos imos a envorcar para garantir a volta segura, porque nestas idades non se poden establecer outros métodos de estudo eficaces que non sexan os presenciais".