Os veciños do Cruceiro están preocupados pola apertura no seu barrio do novo Centro de Atención Social Continuada que xestionará a ONG Rexurdir no que se prestará atención a unha trintena de indixentes que habitualmente viven nas rúas de Pontevedra.
Segundo explicou a concelleira responsable de Benestar Social, Carme Fouces, esta nova infraestrutura depende dos servizos sociais municipais pero a súa xestión está conveniada coa asociación Rexudir Provincial, que xa posúe un local na rúa Cruz Vermella para atender ás persoas sen fogar.
Non é un local no que os usuarios poidan pernoitar xa que se trata dun centro de día no que se habilitan aseos e duchas, dun roupeiro, de lavandería, así como unha cociña para dar servizo aos usuarios. Contémplase a posibilidade de que poida abrir os fins de semana para dar comidas, xa que os domingos e festivos pecha o comedor de San Francisco.
O Concello achegará 15.000 euros anuais para este novo centro, e Rexurdir, os profesionais que o atenderán.
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira recibiu este xoves aos veciños do entorno da rúa Cruceiro que consideran que dito emprazamento non é o máis axeitado para esta instalación, xa que neste mesmo núcleo atópanse dous centros educativos e unha gardería.
Ante esta situación, os populares solicitarán ao Goberno municipal que antes de tomar unha decisión sobre a localización do novo centro de Rexurdir, escoiten aos veciños da zona.
"Sería bo que Lores ou a concelleira nacionalista encargada deste asunto, tratase de atopar un consenso cos veciños e decidir despois cal é o lugar máis apropiado para esta instalación", sinalou Jacobo Moreira, quen lembrou que a propia ONG Rexurdir pediu "un lugar estratéxico no centro da cidade proporcionando total privacidade para os usuarios".