Preocupación polo incremento "constante" de pacientes covid nos hospitais de Pontevedra

Pontevedra
18 de xaneiro 2021

A día de hoxe, segundo os datos do propio Servizo Galego de Saúde, hai 77 pacientes ingresados nos hospitais. Trece deles, os máis críticos, están na UCI de Montecelo. As plantas de hospitalización tamén teñen, segundo José Ramón Gómez, unha evolución "bastante desfavorable"

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, expresou este luns a súa preocupación ante o incremento "constante" de pacientes infectados con covid-19 nos hospitais de Pontevedra e O Salnés.

Os positivos, segundo o responsable de  Sanidade, están aumentando "de maneira importante" en toda a área sanitaria e ese crecemento da incidencia "xa se está trasladando aos hospitais".

A día de hoxe, segundo os datos do propio Servizo Galego de Saúde, hai 77 pacientes ingresados nos hospitais. Trece deles, os máis críticos, están na UCI de Montecelo.

As plantas de hospitalización de Montecelo, o Hospital do Salnés e Quirón Salud Miguel Domínguez tamén teñen, segundo José Ramón Gómez, unha evolución "bastante desfavorable".

Hai 52 persoas hospitalizadas en planta de Montecelo, nove no Hospital  do Salnés e tres en Quirón Salud, o único hospital privado da área sanitaria pontevedresa.

Ante esta situación e para evitar que novos contaxios colapsen a atención asistencial dos hospitais, o xerente insistiu en que a "única maneira" de controlar a pandemia é seguindo "estritamente" as medias de prevención e seguridade

"Temos que quedar na casa e só saír para actividades esenciais", destacou Gómez, que pediu aos cidadáns que limiten as súas interaccións sociais aos conviventes.