Preparado o novo contrato do lixo en Soutomaior por 5 millóns e unha década de duración

Soutomaior
02 de maio 2025

O goberno local busca un modelo sustentable e que permita facer fronte ao impacto da suba de taxas de Sogama

Contedores en Soutomaior de materia orgánica
Contedores en Soutomaior de materia orgánica / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior abriu esta semana o proceso de licitación do novo contrato de recollida de lixo por valor de 5 millóns de euros e cunha duración de 10 anos, tras finalizar a concesión anterior que estivo vixente durante dúas décadas.

Esta medida forma parte dunha estratexia máis ampla para transformar o modelo de xestión de residuos no municipio, nun momento complexo na xestión de residuos.

O alcalde Manu Lourenzo destacou que o obxectivo principal desta nova licitación é impulsar "un servizo de recollida baseado na redución de produción de residuos, na reciclaxe e na compostaxe", buscando alcanzar estándares comparables aos de países europeos referentes no tratamento de residuos.

Un dos retos máis ambiciosos do novo modelo será reducir en mil toneladas anuais a recollida de residuos orgánicos, que segundo o rexedor son "os que máis encarecen os custos do tratamento do lixo".

O contrato, que entrará en vigor no segundo semestre de 2025, tamén incluirá a renovación completa do parque de contedores do concello, actualmente "nun notable estado de deterioro".

Esta transformación prodúcese nun contexto de presión normativa e económica. A transposición da normativa europea na Lei de Residuos establece que a incineración de refugallos que practica Sogama non pode recibir subvencións ambientais.

"Trátase dunha suba por imperativo legal que estamos a levar concellos de todas as cores políticas", sinalou Lourenzo, quen criticou o "taxazo de Sogama imposto pola Xunta" e acusou ao PP de optar no seu día por un modelo de tratamento "altamente contaminante e contrario ás directrices europeas".

O rexedor concluíu que Soutomaior aspira a se converter nunha referencia en xestión sostible de residuos, aproveitando a sensibilidade ambiental da súa veciñanza para "deixar o mellor mundo posible ás xeracións futuras".

En novembro de 2024, o pleno municipal xa aprobou unha nova ordenanza do lixo  con bonificacións para familias e persoas que reciclen, unha medida para mitigar o impacto do incremento das taxas.

Esta proposta contou co apoio do goberno municipal, mentres que o PP votou en contra.