As concelleiras de Cultura e de Igualdade, María López e Inés Fuentes, informaron este xoves da organización polo Concello de Caldas de Reis, dunha recepción a Papá Noel que terá lugar este venres pola mañá e pola tarde na Praza das Palmeiras ou, en caso de choiva, no patio cuberto do Colexio San Fermín.
A xornada contará con obradoiros infantís, máquina de neve, inchable de Nadal, pintacaras, globoflexia e moitos xogos que terán lugar entre as 11 e as 14 horas e entre as 15,30 e as 18,30 horas, cumprindo coas normativas e protocolos de prevención da Covid.
Esta actividade completa o esforzo de iluminación polo Concello e de decoración veciñal con motivos diversos de Nadal polas rúas e prazas, que permiten facer unha ruta infantil por toda a vila e convidan a pasear en familia por Caldas nestas festas.
As concelleiras de Cultura e de Igualdade animan a participar nesta xornada de recepción a Papá Noel e desexan que no vindeiro ano se poida gozar das festas infantís sen maiores restricións.