Preparan unha segunda fase de actuacións para mellorar o estado da Alameda

Pontevedra
26 de febreiro 2022

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de rematar os traballos de mellora e embelecemento dos xardíns da Praza de España, na contorna ao monumento aos Heroes de Ponte Sampaio

Traballos de acondicionamento nos xardíns da Praza de España
Traballos de acondicionamento nos xardíns da Praza de España / Concello de Pontevedra

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural terminou os traballos de mellora e embelecemento dos xardíns da Praza de España, na contorna do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio.

"Trátase dunha primeira fase de actuacións destinadas á mellora paisaxística do principal parque urbano de Pontevedra, que pretendemos estender a outros puntos do mesmo", confirmou o edil Iván Puentes.

Nesta primeira actuación, cun modesto orzamento de 3.500 euros, tratábase de acondicionar os arredores do monumento coa eliminación de fochas, limpeza de malas herbas e terróns, nivelado do firme e pintado de arquetas e transformadores, así como labores de axardinamento.

"A nosa intención é continuar os traballos nesta cabeceira norte, en toda a contorna do Cafetín. Esta segunda fase supoñerá un investimento maior, que roldará os 8.000 euros, e terá como principal obxectivo, ademais da mellora xeral do pavimento, o de optimizar as condicións de drenaxe nos espazos que ocupan os alcorques das árbores", avanza o concelleiro.

ZAFARRANCHO DE PODAS

Por outra banda o departamento de Parques e Xardíns levou a cabo nos últimos días unha serie de actuacións para podar e retirar restos do arboredo urbano de varias rúas da zona este de a cidade, concretamente nas rúas Rodríguez Seoane, Eiriña e Praza das Regas.