Prepárense para tirar do rabo do Demo este martes polo centro histórico

Pontevedra
22 de agosto 2022

A Festa do Demo regresa para divertir aos máis pequenos este martes 23 de agosto. Haberá dúas sesións, ás 12.30 e ás 20.00 hora partindo de San Bartolomeu. A Banda de Música de Salcedo ofrecerá un concerto ás 21.00 horas na praza de José Martí e ás 21.30 horas comezará a Foliada do Demo cos Chichisos na praza de Curros Enríquez

Ilustración da Festa do Demo de Agostiño Portela
Ilustración da Festa do Demo de Agostiño Portela / Concello de Pontevedra

O público infantil volverá divertirse este martes 23 coa aparición do personaxe do Demo nos arcos de San Bartolomeu acompañado da súa tropa infernal. Un ano máis, desde a recuperación desta celebración en 2001, o centro histórico da cidade cheirará a xofre.

Ás 12.30 horas está prevista a primeira sesión con saída da contorna da igrexa e percorrido por diferentes rúas con animación e xogos entre os participantes, que deberán tentar tirarlle do rabo ao diaño. A partir das 20.00 horas producirase unha segunda aparición desta comitiva. 

A Festa do Demo, ademais, contará con outras dúas actividades como xa é tradición. Ás 21.00 horas, a praza de José Martí acolle o concerto de San Bartolomeu a cargo da Banda de Música de Salcedo. Media hora máis tarde, a banda tradicional Os Chichisos ofrecerá a Foliada do Demo na praza de Curros Enríquez. Todos os eventos son gratuítos.

Cando se recuperou a Festa do Demo, segundo indica o Concello de Pontevedra, realizouse un rastrexo a través do libro 'Pontevedra, boa vila', que ofrece un texto de Vicente Risco e dúas ilustracións de Agostiño Portela sobre esta celebración. Tamén se recolleron fontes orais a través da veciñanza que lembraba á figura de Dominguiños, encargado de exercer de Demo en épocas remotas neste festexo popular.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora