A responsable do departamento de Memoria Histórica na Deputación de Pontevedra, María Ortega, a técnica Montse Fajardo e a cantante Uxía Senlle presentaron este venres a segunda Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra ‘Acordamos’, para dar a coñecer lugares e feitos relacionados coa represión franquista na provincia a través da música.
María Ortega explicou que esta segunda parte deste traballo documental estreado en 2021 que foi o documental ‘Acorda’ quixeron enfocala en "a loita" e gravar en lugares que simbolicen o intento que fixo aquela xeración, que estreaba o século XX, "por construír unha sociedade máis xusta e solidaria".
Con esta idea dan a coñecer esa parte da historia a través de videoclips musicais gravados neses lugares, que "supón outra mostra do noso intento por divulgar a Memoria Histórica a través de novos formatos e cun gran protagonismo da transmisión interxeracional", explicou María Ortega.
No documental ‘Acordamos’ mestúranse "figuras consagradas" como Celina da Piedade, Malvela ou Luís Pastor con "xente nova" como Antía Muíños, Woyza ou Son da rúa, xunto a "colaboracións moi especiais" de nenos e mozos das localidades de Moaña e Tomiño.
Ademais recolle testemuños e entrevistas tanto de expertos en temas de Memoria Histórica como de persoas que viviron aquela época.
Montse Fajardo detallou que ‘Acordamos’ fala da loita antiforal, coa historia dos mártires de Sobredo: Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez, de Soutelo de Montes, e Venancio González, de Budiño, que foron asasinados o 28 de novembro de 1922 na parroquia tudense de Guillarei.
Tamén recolle a historia da Fraternidade Mariñeira, unha organización sindical dos traballadores do mar, con sede en Moaña, que foi fundada en 1930 e que tivo máis de 1.200 afiliados. Formaba parte da CNT e seguía todos os conflitos sociais.
O documental tamén viaxa ata a parroquia pontevedresa de Lérez onde se constituíu o 28 de outubro de 1926 a Caixa Rural do Lérez, unha institución cooperativa agraria de crédito que agrupaba os labradores da zona coa que trataban de evitar a usura dos bancos.
Outra historia da que se ocupa ‘Acordamos’ é a da República Federal da Illa de Arousa, que foi un estado independente declarado nunha taberna o 7 de outubro do ano 1934 nesta localidade e que se mantivo durante un día nesa condición, xa que o 8 de outubro os responsables da sublevación foron detidos. Despois as forzas franquistas pasearon a algúns dos protagonistas desta historia e a un deles, Santiago Otero, fusilárono e botaron o seu corpo á ría.
Ademais recóllese a historia das antigas escolas indianas durante a Segunda República. Centrándose na situada no centro de Tomiño e coñecida como Aurora del Porvenir que foi financiada pola sociedade do mesmo nome con sede en Río de Janeiro. Unha escola que gozou dunhas modernas instalacións, con espazos para o estudo, a práctica de deportes e un campo de experimentación agrícola, segundo os criterios pedagóxicos máis avanzados.
O sexto e último enclave que protagoniza estes videoclips está no monte Xiabre onde se explica a relevante actividade de oposición armada tras o golpe militar de Franco na zona do Salnés.