Presentan aos concellos da Ría o protocolo para abordar o seu plan de saneamento

Pontevedra
05 de marzo 2015

Representantes dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa coñeceron na tarde deste xoves os primeiros detalles do plan de saneamento que a Xunta de Galicia prevé poñer en marcha para a Ría de Pontevedra. Foi no transcurso dunha xuntanza técnica no edificio administrativo de Campolongo e que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira

Reunión do director de Augas de Galicia cos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa
Reunión do director de Augas de Galicia cos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa / Mónica Patxot

Representantes dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa coñeceron na tarde deste xoves os primeiros detalles do plan de saneamento que a Xunta de Galicia prevé poñer en marcha para a Ría de Pontevedra. Foi no transcurso dunha xuntanza técnica no edificio administrativo de Campolongo e que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira.

O representante da Administración autonómica explicou que a intención da Xunta é a realización dun plan no que se avalíe o funcionamento de todo o sistema de saneamento destes concellos de xeito integral e a afección que se produce na calidade da auga da ría.

Deste xeito preténdese definir as actuacións máis eficaces para a mellora do funcionamento do saneamento da ría e priorizar aquelas que teñan un impacto máis positivo sobre esta.

A colaboración das administracións locais é vital, segundo o goberno galego, para a redacción desta planificación e o desenvolvemento das medidas que se programen, xa que son estas as que teñen as competencias do saneamento e depuración dos seus municipios.

Augas de Galicia, apuntou o seu director, necesitará de toda a "participación activa" dos responsables técnicos e políticos para abordar este "gran reto". Para iso, nesta reunión presentouse un borrador de protocolo no que se define esta colaboración.

Gonzalo Mosqueira sinalou que se os concellos aceptan "a man que hoxe lles tende a administración autonómica", Augas de Galicia e os concellos poderán empezar de xeito inmediato a traballar na análise das redes, paso necesario para poder realizar unha auditoría completa a todas as infraestruturas hidráulicas de saneamento destes municipios.

Arquivado en