Presentan unha denuncia "por difamación" contra o Xefe da Policía Local de Sanxenxo

Sanxenxo
08 de agosto 2025
Actualizado: 17:17

O querelante acusa a José Manuel Duarte de difundir "información falsa" sobre o abandono de asentos de autobús nun colector

O camión realizando a vertedura ilegal
O camión realizando a vertedura ilegal / Concello de Sanxenxo

O Xefe da Policía Local de Sanxenxo, José Manuel Duarte, foi denunciado como presunto autor dun delito de difamación ante o Xulgado de Instrución de Cambados.

Segundo a querela presentada, o mando policial sería responsable de enviar ao Concello de Sanxenxo información falsa para a súa publicación na páxina oficial de Facebook do consistorio.

Os feitos denunciados remóntanse a un incidente ocorrido o 13 de maio de 2025, cando a Policía Local recibiu o aviso de que un veciño supostamente estaba a arroxar asentos de autobús nun colector do polígono industrial de Nantes.

Segundo a querela, aínda que os axentes comprobaron que esta información non era certa e que os asentos se atopaban no domicilio do denunciante, o xefe policial tería dado orde igualmente da publicación da noticia falsa.

A información difundida polo Facebook municipal, que indicaba que o infractor podería enfrontarse a sancións de até 45.000 euros, foi posteriormente reproducida por diversos medios de comunicación, o que segundo o querelante causoulle "graves prexuízos na súa reputación e a da súa empresa", ademais de recibir "chamadas despectivas" e "comentarios moi desagradables nas redes sociais".

O denunciante sostén que Duarte recoñeceu nunha acta de conciliación ser o responsable do envío da información ao Concello, e que era consciente da súa falsidade, xa que as propias fotografías tomadas polos axentes mostraban unicamente unha caixa de cartón no colector e non os mencionados asentos.

A querela inclúe palabras de testemuñas que afirman que o denunciante só depositou unha caixa de cartón con monos de traballo vellos no colector, e que en ningún momento arroxou asentos de autobús, así como un informe pericial que acredita que o vehículo do denunciante conservaba todos os seus asentos.