Técnicos responsables da redacción dos plans municipais de abastecemento autónomo de Galicia están mantendo xuntanzas sectoriais en Cerdedo-Cotobade cos usuarios das traídas de abastecemento deste municipio incluidas nun plan pioneiro no que so participan seis concellos en toda a comunidade autónoma.
Nestes encontros participarán as 80 comunidades de usuarios de auga veciñais que manifestaron o seu desexo de ser incluídas nos traballos de estudo.
Estas reunións estrutúranse en grupos de 10 traídas para facilitar unha mellor comunicación e facelas máis operativas e participativas.
Os técnicos realizan unha pequena presentación inicial a todos os asistentes do resumo de traballos de documentación e análise realizados nas traídas de autoabastecimiento de Cerdedo-Cotobade.
No transcurso destes encontros entréganse os informes que recollen propostas de mellora de cada traída e explícanse de maneira pormenorizada os problemas observados en cada unha, os resultados das analíticas das augas e as propostas de solución previstas, achegando os planos e orzamentos correspondentes.
Ademais, os técnicos escoitan as achegas e impresións dos usuarios, que se recollerán nun informe refundido que cumprimentarán os traballos realizados en todas e cada unha das traídas.
O alcalde Jorge Cubela, que asistiu á reunión levada a cabo en Carballedo, destacou a importancia da participación activa dos usuarios e lembrou que "este estudio é gratuíto para as traídas de augas veciñais e para o propio Concello e supón un avance moi importante para mellorar a calidade do servizo e do propio sistema de abastecemento".