Presentan por rexistro algo máis de mil sinaturas contra o novo centro social de Rexurdir

Pontevedra
13 de decembro 2016

Os veciños manteñen que se opoñen á apertura do centro na rúa Cruceiro por "ser prexudicial para a normal convivencia dos cidadáns da contorna". Piden ao Concello que "tome coñecemento" do problema e "actúe en consecuencia" buscando unha nova localización "que non xere conflitos coa cidadanía"

Rúa na que abrirá Rexurdir o seu novo centro PontevedraViva

O rexeitamento dun grupo de veciños da rúa Cruceiro ante a apertura do novo centro social de Rexurdir no seu edificio chegou este martes ao rexistro municipal. Conseguiron reunir 1.265 firmas e entregáronas pedindo ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que admita as súas reivindicacións

Os veciños manteñen que se opoñen á apertura do centro de atención a persoas sen fogar nun baixo do edificio número 17 da rúa por "ser prexudicial para a normal convivencia dos cidadáns da contorna"

O escrito que acompaña as firmas traslada ao alcalde a "preocupación" e o "sentir" dunha parte da sociedade pontevedresa que expresou a súa "oposición" á apertura do centro por "non ser unha localización idónea". 

A súa intención é que o Concello "tome coñecemento" do problema que aseguran que se lles expón como veciños e "actúe en consecuencia" buscando unha nova localización para o centro "que non xere conflitos coa cidadanía".

Este desacordo coa localización do centro de Rexurdir xa a manifestaban nas última semanas tanto a través de escritos colgados polas rúa do barrio como en reunións co Concello e coa asociación Rexurdir.