Preséntase a asociación Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén

Ponte Caldelas
07 de maio 2018

A asociación comarcal nace para defender a igualdade e a xustiza social con perspectiva de xénero. Con motivo do Día da Nai realizouse unha presentación oficial na Casa da Cultura de Ponte Caldelas

Presentación da asociación Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén
Presentación da asociación Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén / Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas conta cunha nova asociación que baixo o nome de Mulleres en Acción do Verdugo-Oitavén quere loitar en defensa da igualdade e da xustiza social con perspectiva de xénero.

A Casa da Cultura de Ponte Caldelas foi o marco no que se presentou este colectivo durante o acto de homenaxe histórica a todas as "mulleres bravas" da comarca.

Durante este evento inaugurouse unha exposición de fotografías e proxectáronse vídeos con entrevistas a cinco matriarcas. Ao acto acudiu a presidenta de AMAVO, Isabel Pregal, ademais do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; o concelleiro de Cerdedo-Cotobade, Fernando Vázquez; a concelleira de Soutomaior, Cristina González e a presidenta das Mulleres Rurais de Fornelos de Montes, Esther Piñeiro.

Os vídeos ofrecidos utilizaban o Día da Nai como fío condutor e ofrecéronse reflexións de cinco mulleres que contan a súa historia como traballadoras do campo ou como mariscadoras, ademais de narrar usos e costumes de décadas atrás.

Mulleres en Acción engloba estes vídeos dentro do proxecto 'Banco amigo', no que se abre un espazo para charlar con persoas maiores e axudarlles a combater a soidade.