Preto de 300 veciños de Poio participaron no programa de envellecemento activo

Poio
23 de xuño 2026

Ao longo das xornadas organizáronse actividades en todas as parroquias do municipio, combinando exercicio físico, alimentación saudable e formación en benestar

Unha das xornadas celebradas en Poio sobre hábitos de vida saudables Concello de Poio

O Concello de Poio fixo un balance positivo do programa de actividades deseñado para fomentar hábitos de vida saudables entre a poboación maior de 55 anos.

A iniciativa desenvolveuse durante as últimas oito semanas coa participación de preto de 300 persoas.

A programación, impulsada en colaboración coa Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), tivo como obxectivo favorecer a adquisición e consolidación de rutinas beneficiosas para a saúde física e emocional, á vez que promovía o envellecemento activo.

Ao longo das xornadas organizáronse actividades en todas as parroquias do municipio, onde se combinou exercicio físico, alimentación saudable e formación en benestar.

Entre as propostas destacaron varias camiñadas por distintos puntos da contorna, con percorridos entre Campelo e Lourido, Raxó e O Covelo, así como desde A Reiboa até Campelo.

Estas rutas permitiron ás persoas participantes realizar actividade física ao aire libre mentres coñecían o patrimonio natural e paisaxístico de Poio.

A iniciativa completouse con almorzos saudables e sesións informativas sobre hixiene do soño, celebradas en diferentes espazos municipais. Nestes encontros abordáronse cuestións como a importancia do descanso, a adopción de rutinas saudables e os beneficios dunha alimentación equilibrada.

A concelleira de Saúde, Tamara González, que acompañou aos participantes en diversas actividades, destacou a elevada participación e o interese mostrado.

"En Poio contamos cunha poboación moi activa, implicada e con ganas de participar en actividades que contribúan a mellorar a súa calidade de vida", sinalou.

González subliñou ademais que "a resposta foi extraordinariamente positiva, o que demostra que existe unha gran conciencia sobre a importancia de manter hábitos saudables e de participar en propostas que favorecen tanto o benestar físico como o emocional".

A edil incidiu en que este tipo de programas non só promoven a saúde, senón que tamén xeran espazos de encontro, convivencia e intercambio de experiencias entre os participantes.