Preto de 200 persoas realizan probas PCR en Cuntis para detectar casos asintomáticos

Umia
18 de xaneiro 2021

Este cribado masivo programado polo Servizo Galego de Saúde na parroquia de Portela pretende localizar casos de covid-19 entre a veciñanza ante o incremento de positivos no municipio. O alcalde Manuel Campos recomenda ás persoas da zona que acudan a estas probas voluntarias. O acceso á carpa pode realizarse tanto a pé como en vehículo

Cribado na parroquia de Portela / Consellería de Sanidade

Desde as 09.30 horas deste luns 18 de xaneiro, dous equipos de sanitarios da Consellería de Sanidade realizan probas PCR na parroquia de Portela, no municipio de Cuntis co obxectivo de detectar novos casos positivos covid-19 e, principalmente, pacientes asintomáticos.

Alberto Blanco Sanmartín, coordinador dos equipos de enfermería neste punto de cribado, sinala que ao longo desta mañá está previsto que se realicen probas a 191 persoas residentes nesta parroquia. Os catro responsables sanitarios atenden tanto a aquelas persoas que acceden á carpa a través de vehículo como a aquelas persoas que se achegan a pé.

Este  cribado realízase por orde alfabética en rangos de ao redor de 50 persoas por hora dos lugares de Portela, Novas, Loureiro de Abaixo e Loureiro de Arriba. É imprescindible acudir con identificación persoal, a través de DNI ou de tarxeta sanitaria. 

O alcalde Manuel Campos facía un chamamento nas últimas horas para participar nestas pruebas voluntarias e detectar os casos para evitar novos contaxios entre a poboación do municipio. Na zona atópanse servizos de Protección Civil e da Policía Local para regular os accesos.

Blanco Sanmartín lembraba á poboación a necesidade de que se manteñan ao máximo as medidas de hixiene e que se actúe sempre con responsabilidade para tentar frear a propagación da pandemia.