Prevén iniciar en setembro a reforma da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso

Ponte Caldelas
15 de xullo 2019

O Concello celebra a adxudicación desta obra ao entender que suporá unha importante mellora na seguridade viaria no tramo das curvas de Laxoso. Con todo, o alcalde volveu pedir á Consellería de Infraestruturas que se aproveiten as obras para a execución dunha senda peonil e ciclista

Estrada PO-234 en Ponte Caldelas
Estrada PO-234 en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A empresa Marconsa será a encargada de realizar as obras de acondicionamento da estrada PO-234, entre Ponte Caldelas e Laxoso. Así o anunciou este luns a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que prevé iniciar estes traballos no mes de setembro.

O prazo de execución desta obra, que conta cun orzamento de máis de 525.000 euros, é de oito meses.

Trátase de actuar nun treito de 2,16 quilómetros, o máis próximo á cidade de Pontevedra, que discorre polo Concello de Ponte Caldelas, desde o final da travesía de Ponte Caldelas, no punto quilométrico  0+420, ata a entrada da travesía de Laxoso, no punto quilométrico 2+580.

A intervención prevé a ampliación da calzada, que actualmente ten entre 5 e 5,5 metros, ata acadar un ancho de 7 metros, así como rectificacións puntuais de trazado.

Ademais executaranse cunetas de seguridade nos treitos nos que se precisen, aproximadamente nuns 1,6 quilómetros da estrada.

PONTE CALDELAS RECLAMA UNHA SENDA PEONIL

O Concello de Ponte Caldelas, pola súa banda, celebra a adxudicación desta obra ao entender que suporá unha importante mellora na seguridade viaria no tramo das curvas de Laxoso.

Con todo, o alcalde volveu pedir á Consellería de Infraestruturas, como xa ten feito en comunicacións previas, que se aproveiten as obras para a execución dunha senda peonil e ciclista entre os núcleos de Ponte Caldelas e Laxoso.

Andrés Díaz entende que sería unha actuación que tería un custo moi inferior aos 125.000 euros do aforro producido na adxudicación da obra de reforma desta estrada autonómica.