Previr violacións en cita e agresións por submisión química, obxectivo da Deputación de cara ao Atlantic Fest

O Salnés
25 de xullo 2019

O Servizo de Igualdade deu a coñecer as novidades deste ano nun encontro cos representantes municipais, Policía Local, Garda Civil e integrantes da organización do festival que se vai desenvolver na Illa de Arousa

Público no Atlantic Fest
Público no Atlantic Fest / PontevedraViva

As violacións en cita son aquelas agresións sexuais cometidas por un amigo ou un coñecido próximo e trátase dun dos casos máis frecuentes de abuso cara ás mulleres. A campaña de igualdade que leva a cabo desde a Deputación de Pontevedra quere facer fronte a estas situacións a través da prevención do mesmo xeito que con aquelas agresións que se producen por submisión química.

De cara ao Atlantic Fest que se celebrará a partir deste venres 26 na Illa de Arousa, a institución provincial lembra a campaña que ten en marcha cos lemas: #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS e #CONTACOMIGOEURESPÉCTOTE. En 2018, polo posto da Deputación neste festival pasaron 820 persoas, do total de 8.000 que foron atendidas no marco desta campaña de igualdade. Neste posto infórmase sobre a violencia sexual co obxectivo de concienciar e sensibilizar contra situacións de abuso.

Este ano o punto de información con cinco axentes de igualdade estará instalado a partir das 12.00 horas do sábado 27 ata as 18.30 horas. As técnicas de  Igualdade da Deputación tamén mantiveron un encontro no Concello da Illa de Arousa co alcalde Carlos Iglesias e varios representantes da corporación, ademais de con integrantes da Policía Local, a Garda Civil e persoal municipal e do propio festival para analizar o plan de traballo para este evento e establecer ferramentas e protocolos de colaboración e coordinación ante unha posible agresión sexual.