A Concellaría de Obras Urbanas, que xestiona Demetrio Gómez comezou este sábado a aplicar a primeira capa de rodadura en Loureiro Crespo, no tramo comprendido entre a rúa Gonzalo Gallas e a rotonda de Doce de novembro.
Tal e como anunciara o departamento, o propósito é deixar tanto as beirarrúas como a calzada o máis practicable posible para facilitar os desprazamentos peonís nestas datas.
A obra atópase nun avanzado estado de execución nesta primeira parte. Todos os servizos xa están renovados e soterrados, as beirarrúas practicamente rematadas e nestes días faise o asfaltado provisional para facilitar o tránsito, para mellor comodidade de peóns e para favorecer as compras de Nadal, dado que se trata dunha rúa cun gran número de negocios.
A pavimentación rematará este mesmo sábado e está previsto que nos próximos días se realicen retoques en beirarrúas, e tamén no tramo de calzada entre a praza do Hospital e Gonzalo Gallas, que vai formigonada.
Loureiro Crespo quedará así dende o día 22 de decembro (estaba previsto parar o día 18, pero as condicións meteorolóxicas obrigan a modificar as datas) até despois de Reis, cando se retomarán os traballos do primeiro tramo e con maior intensidade no segundo tramo da rúa, entre Doce de Novembro e a avenida de Lugo.
Cabe lembrar que a reforma da rúa Loureiro Crespo é unha das intervencións de reforma urbana máis importante do mandato. Ten un custe de case 2,9 millóns de euros, entre a reforma e as melloras que se executarán en todas as rúas do barrio do Castañal.
Tendo en conta que toda a obra supón a renovación dos servizos soterrados, no primeiro tramo, entre a praza do Hospital e Gonzalo Gaias, alongouse a praza coa instalación de dúas bandas laterais de lousa "vulcano" (a mesma que a da praza) e unha parte central de formigón negro en plataforma única (pendente de completar), xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial.
No segundo tramo, entre Gonzalo Gaias e Casimiro Gómez, a beirarrúa da esquerda é de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Neste tramo, o estacionamento de taxis estará á esquerda e á dereita unha liña de servizos.
Está pendente a instalación do mobiliario urbano, da iluminación, da xardinería que serán os últimos elementos que se colocarán na reforma.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.