"Primeira pedra para construír algo máis grande", unha campaña para dar ás á autonomía infantil

A iniciativa "Eu son, nós imos" arrinca en Pontevedra para fomentar a autonomía dos máis pequenos combinando actividades na aula, na casa e na rúa para axudarlles a moverse pola cidade

Presentación da campaña "Eu son, nós imos"
Presentación da campaña "Eu son, nós imos" / Sergio Guillermo Lourés Miranda

O Concello de Pontevedra presentou a campaña "Eu son, nós imos" para promover a autonomía dos máis pequenos e proporcionarlles as claves da mobilidade urbana de forma interactiva e directa, a través dunha linguaxe próxima.

Eva Vilaverde, a concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, coa axuda de Taller Abierto e a Policía Local, impulsou esta proposta, destacando o propio modelo da cidade definíndoo como "activo" e "en movemento".

A iniciativa busca ir máis aló das charlas habituais, levando a cabo actividades dinámicas e accesibles.

O programa enfocarase principalmente no alumnado de 4º de primaria, pasando por tres centros educativos: o CEIP Froebel, o CEIP Álvarez Limeses e o CEIP Manuel Vidal Portela.

Ao longo das actividades, combinaranse sesións na aula con exercicios no exterior para reforzar a autonomía "na casa, na escola e na rúa", como afirmou a concelleira. Desde a organización, buscan lograr que os nenos e nenas teñan independencia para realizar as súas tarefas cotiás e, para iso, necesitan a colaboración das familias.

Os adultos tamén protagonizarán algunhas actividades; por exemplo, deberán moverse pola cidade sen utilizar os móbiles para redescurbir o espazo público.

Eva Vilaverde mencionou unha das mensaxes centrais, "os coches non son o inimigo", senón que é necesario aprender a convivir con eles na área urbana. Para reforzar esta idea, levarán a cabo múltiples intervencións en pasos de peóns que axuden a entender esa convivencia de forma segura e natural.

Presentación de la campaña "Eu son, nós imos"
Presentación de la campaña "Eu son, nós imos" Sergio Guillermo Lourés Miranda

A Policía Local tamén terá un papel activo tanto nas aulas como na rúa. A súa participación permitirá que os máis novos coñezan de cerca o seu traballo e comprendan que están para axudar, reforzando así unha imaxe de proximidade e confianza.

Mar García Vendrell, representante da Asociación Paspallás, comentou que o proxecto culminará a final de curso cun gran evento conxunto no que o tres centros participantes "tomarán Pontevedra". Para formar parte do programa, os interesados terán que inscribirse na páxina Apúntate do Concello.

Desde a organización subliñan que esta iniciativa é só "unha primeira pedra para construír algo máis grande", sinalou Mar García, coa intención de ampliala progresivamente a máis centros educativos, incluídos os do ámbito rural.

Por último, África Martínez, de Taller Abierto fixo fincapé no seu lema para lembrar que "non somos se non estamos en conxunto cos demáis", fomentando a colaboración e responsabilidade compartida.