O primeiro día de aplicación do estado de alarma decretado para tentar frear o avance do coronavirus demostrou un cumprimento masivo da cidadanía de Pontevedra en relación coas restricións fixadas polo Goberno do Estado, pero tamén se detectaron xa os primeiros incumprimentos. A Policía Local de Pontevedra denunciou a unha persoa na tarde deste domingo por negarse a acatar as limitacións de desprazamentos.
A primeira persoa sancionada en Pontevedra é un home que na tarde deste domingo paseaba, acompañado dunha muller, pola avenida Augusto García Sánchez.
A Policía Local avisouno de que estaba a incumprir unha das restricións do estado de alarma e o home reaccionou insultando aos axentes e tirándolles o DNI ao chan, cando lle solicitaron que se identificase.
Finalmente a Policía procedeu a tramitar unha denuncia por falta de consideración aos axentes.
Durante todo o día, os axentes municipais realizaron un labor informativo entre a cidadanía que ocupaba o espazo público para pasear ou facer deporte, remitíndoos ao estado de alarma e advertíndolle que tiñan que regresar aos seus fogares.
En cumprimento destas restricións, foi necesario desaloxar a Illa do Covo baseándose no contido do decreto do estado de alarma.
En todo momento, todas as persoas informadas adoptaron unha actitude moi colaborativa, e regresaron aos seus fogares, excepto esta persoa denunciada pola tarde.
O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no seu artigo 20, tipifica o incumprimento ou a resistencia ás ordes das autoridades competentes no estado de alarma será sancionado conforme as leis, nos termos establecidos no artigo dez da Lei Orgánica 4/1981, do 1 de xuño. En base a iso, aqueles que incumpran as restricións poderán ser sancionados con multas de 100 a 600.000 euros ou mesmo cunha pena de prisión dun ano.