A primeira semana de estado de alarma deixa 45 denuncias en Pontevedra por non respectar o confinamento

Pontevedra
21 de marzo 2020

A Policía Local de Pontevedra formulou esas 45 denuncias por incumprimentos das restricións de desprazamentos, ás que habería que sumar as detectadas pola Policía Nacional. En toda España formuláronse máis de 31.100 denuncias e 350 persoas foron detidas   

Patrulla da Policía Local polo centro de Pontevedra durante o estado de alarma polo coronavirus
Patrulla da Policía Local polo centro de Pontevedra durante o estado de alarma polo coronavirus / Diego Torrado

A primeira semana de aplicación do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, polo que o pasado sábado se declarou o estado de alarma en toda España deixaron en Pontevedra xa polo menos 45 denuncias a outros tantos veciños por incumprimento das normas de confinamento. 

A Policía Local de Pontevedra formulou esas 45 denuncias por incumprimentos das restricións de desprazamentos ditadas polo estado de alarma para frear a expansión do coronavirus, pero non é o número completo de infraccións detectadas na cidade, senón que habería que sumar as detectadas pola Policía Nacional, que non facilita datos a nivel local, senón só estatal. 

En toda España, segundo os datos actualizados do Ministerio do Interior este sábado, as Forzas de Seguridade do Estado, autonómicas e policías locais formularon máis de 31.100 denuncias por incumprir as normas do estado de alarma. Un total de 350 persoas foron detidas por desobediencia grave, ningunha delas en Pontevedra.

A presenza policial na rúa redobrouse nos últimos días para facer cumprir as restricións ditadas polo estado de alarma , con axentes das policías Local e Nacional e, por momentos, tamén as Forzas Armadas que realizan patrullas de vixilancia na rúa. Os axentes realizan a diario un labor informativo entre a cidadanía que ocupa o espazo público para pasear ou facer deporte, remitíndoos ao estado de alarma e advertíndolles que teñen que regresar aos seus fogares.

A primeira deses 45 días impúxoa a Policía Local na tarde do domingo, o primeiro día enteiro de aplicación do estado de alarma. Foi a un home que  paseaba, acompañado dunha muller, pola avenida Augusto García Sánchez.

A Policía Local avisouno de que estaba a incumprir unha das restricións do estado de alarma e o home reaccionou insultando aos axentes e tirándolles o DNI ao chan, cando lle solicitaron que se identificase. Finalmente a Policía procedeu a tramitar unha denuncia por falta de consideración aos axentes.

O Real Decreto 463/2020, no seu artigo 20, recolle que o incumprimento ou a resistencia ás ordes das autoridades competentes no estado de alarma será sancionado conforme as leis, nos termos establecidos no artigo dez da Lei Orgánica 4/1981, do 1 de xuño. En base a iso, aqueles que incumpran as restricións poderán ser sancionados con multas de 100 a 600.000 euros ou mesmo cunha pena de prisión dun ano. 

O Real Decreto tan só permite á poboación saír das súas casas para a adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade ou os desprazamentos para regresar á residencia habitual ou acudir ao posto de traballo, a centros de saúde ou para coidar a menores ou a persoas maiores, dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables. Todos eses desprazamentos deberán ser individuais.